Guionce

Fichas de desenvolvemento de produtos

Nesta 42 Edición do Concurso Escolar, deixamos voar a nosa imaxinación para identificar barreiras que enfrontan as persoas con distintas discapacidades e deseñar solucións innovadoras que fagan do mundo un lugar máis inclusivo.

Se queres profundar no deseño de produtos de apoio ou outros que fan a vida máis doada ás persoas, facilitámosche estas ligazóns con produtos que poden dar pé á imaxinación dos teus alumnos e alumnas:

O obxectivo principal das fichas de desenvolvemento de produtos é aplicar a empatía para crear produtos que non só resolvan un problema, senón que tamén melloren a vida das persoas e a súa inclusión na sociedade: pensar en como un obxecto, unha ferramenta ou un servizo pode ser deseñado para que todos e todas, sen importar as súas capacidades, poidan usalo de forma sinxela e efectiva.

Dispós, para iso, dunha ficha de dúas páxinas que vos axudará na creación do voso produto (a ficha da categoría de Ed. Especial conta cunha páxina simplificada)

Consellos para idear un produto

Mente aberta: Evitade caer en estereotipos ou suposicións sobre o que "necesitan" ou “todo o que non poden facer” as persoas con discapacidade. A diversidade dentro de cada grupo é enorme.

Concentración, non dispersión: É mellor resolver unha barreira moi específica que vos permita encontrar unha solución concreta, que tentar solucionar moitas á vez dunha forma superficial.

Problema real, non imaxinario: Asegurádevos de que a barreira que elixades sexa un desafío real e frecuente para as persoas con esa discapacidade.

Pensar libremente: Sede imaxinativos, audaces e orixinais. Non hai ideas "parvas" na fase inicial da chuvia de ideas.

Simplicidade e funcionalidade: O produto debe ser práctico, fácil de usar e eficaz. Ás veces, a solución máis simple é a máis brillante.

Impacto a longo prazo: Podería este produto ter un impacto positivo duradeiro na vida das persoas?

A empatía como punto de inicio: Antes de pensar en solucións, é importante que entendades profundamente a barreira á que se enfronta unha persoa con discapacidade. Pensade como é o seu día a día e os retos que, diariamente, ten que superar. A empatía é o motor dunha boa idea para cambiar a sociedade.

Deseño universal: É un concepto de deseño que se enfoca en que o mellor deseño accesíbel é aquel que beneficia á maior cantidade de persoas, non só ao grupo específico de discapacidade. O deseño universal ten como principios proporcionar múltiples formas de representación, de implicación e de acción e expresión. Por exemplo, unha rampla é esencial para unha cadeira de rodas, pero tamén axuda a carriños de bebé ou persoas con maletas.

Viabilidade e sustentabilidade: Para comezar, buscade se a vosa idea xa se materializou no mercado. De ser así, procurade introducir unha mellora. En caso de ser unha idea orixinal e innovadora, pensade se é factíbel. Pensade en se o produto podería fabricarse e distribuírse de forma realista, alén do seu impacto ambiental.