Bases do concurso

1.º OBXECTO

O 42 CONCURSO ONCE, co lema “XERACIÓN INNOVA. Imaxinar fainos iguais” é un Programa de Acción Educativa baseada na LOMLOE (Lei Orgánica de Modificación da LOE, lei educativa actualmente vixente en España), cuxo obxecto é sensibilizar os máis novos sobre a necesidade de volver imaxinar e de fomentar a innovación para construír unha sociedade máis accesíbel e inclusiva para todos e todas.

Toda a información relativa a esta edición do Concurso poderase consultar na web www.concursoescolaronce.es desde o día 10 de setembro de 2025.

2.º Ámbito

A iniciativa está dirixida ao alumnado de Educación Primaria (cursos 3.º, 4.º, 5.º e 6.º), Educación Secundaria Obrigatoria, Ciclo Formativo de Grao Básico e Educación Especial, do conxunto de todos os centros educativos do Estado.

A participación canalizarase exclusivamente a través dos centros educativos recoñecidos polo Ministerio de Educación e Formación Profesional como tales que desenvolvan a súa actividade no territorio español.

Quedan excluídas asociacións, empresas, fundacións ou outras institucións que, aínda que poden estar relacionadas co mundo da educación e realizar os seus labores nos centros educativos (ANPAS, empresas de extraescolares, empresas de comedor...) non son especificamente centros de educación regrada.

3.º Traballo que se vai realizar

Todas as categorías participarán en liña e o traballo que deberán presentar será o mesmo para todas.

O alumnado de cada clase deberá deseñar un produto accesíbel que aínda non exista, ou mellorar un existente, imaxinando solucións inclusivas para construír un futuro máis accesíbel para todas as persoas.

Deste xeito, traballando en equipo, deben realizar dúas tarefas:

Encher a ficha técnica do invento/produto

Serán uns campos para encher que se situarán dentro da área privada do docente dentro da web do Concurso.

Estes campos obrigatorios son:

  • Que é (máximo 300 caracteres).
  • Que barreira elimina (máximo 250 caracteres).
  • Quen podería usalo (máximo de 200 caracteres).
  • Como funciona (máximo de 500 caracteres).

Unha imaxe do invento/produto proposto

Cada clase participante deberá presentar a imaxe ou deseño dun invento/produto, ideado por eles, que facilite a solución ao problema detectado.

A imaxe presentada deberá incluír:

  • Nome do invento/produto.
  • Unha imaxe representativa do invento/produto proposto (con técnica libre: ilustración, fotografía, colaxe etc.).

Cando o persoal docente suba á plataforma o traballo completo formado pola imaxe do invento/produto proposto, xunto coa audiodescrición e a ficha de produto, xerarase un código QR que se incluirá na imaxe.

Os traballos poderán presentarse en castelán, catalán, éuscaro, galego e inglés. Para facilitar o labor do xurado estatal, os traballos que cheguen á fase nacional que fosen realizados en catalán, éuscaro, galego ou inglés terán que ser traducidos ao castelán. No caso de que o grupo participante non presente a tradución, esta ha de ser realizada pola correspondente Delegación da ONCE.

NOTA: consciente da súa responsabilidade fronte á sociedade e como operador de lotería social e membro da Asociación Mundial de Loterías (WLA) e da Asociación Europea de Loterías (EL), a ONCE subscribiu os principios de Xogo Responsábel. En base a eses principios, nos traballos que van concursar non se poderá facer ningunha referencia a loterías, nin a ningún outro xogo de azar, ben sexa a través de imaxes, frases ou de calquera outro elemento.

Os inventos deseñados ou produtos mellorados polos gañadores autonómicos que poidan ser construídos formarán parte dun catálogo de produtos accesíbeis creados por nenos, nenas, mozos e mozas situado na web do Concurso.

Os redeseños de produtos existentes presentados non poderán incluír marcas rexistradas ou elementos distintivos que permitan identificar de forma evidente o produto orixinal, garantindo así a neutralidade e orixinalidade da proposta.

Este catálogo será difundido como ferramenta educativa, de sensibilización e visibilidade institucional naquelas canles e formatos, físicos ou electrónicos, que o Grupo Social ONCE considere oportuno.

4.ª - Materiais de apoio

O persoal docente terá dispoñíbel material didáctico (en formato en liña) que servirá de apoio para facilitar a participación e comprensión da temática desta edición. Este material foi revisado por persoas expertas na materia.

Nesta edición, o alumnado poderá coñecer e reflexionar sobre os retos aos que se enfrontan persoas con discapacidade no día a día e empezar a idear así as ferramentas para imaxinar e innovar produtos a través de:

  • GuiONCE. Unha guía práctica para imaxinar que estará dispoñíbel na web do Concurso, na área do docente, a partir do 15 de outubro. Conterá instrucións para usar o xogo dixital educativo “O gran taboleiro da accesibilidade”, para traballar a temática, dinamizar a sesión a través de preguntas, coñecer ligazóns de produtos accesíbeis xa existentes, traballar as fichas de produto e dar forma a produtos accesíbeis.
  • O gran taboleiro da accesibilidade. Xogo dixital educativo, práctico e accesíbel para a aula, con distintas casas, que propoñerán un reto experiencial para coñecer distintas barreiras. Como funciona?

    O profesorado elixe a duración da partida: partida mínima 20 minutos, máxima 45 minutos.

    Cada clase accede ao taboleiro dixital e lanza un dado virtual.

    Cada casa activa un reto experiencial, sinxelo de realizar na aula ou noutras contornas como casa, parques ou o propio centro escolar.

    Pódese xogar tantas veces como se queira para descubrir novas casas en cada partida. Importante, non se compite: xógase para empatizar, reflexionar e transformar.

    Que tipo de casas hai?

    1. Casas por discapacidade: Retos inspirados en situacións que enfrontan persoas con discapacidade visual, auditiva, física ou intelectual.
    2. Casas de barreiras cotiás (sen discapacidade): Casas que visibilizan outras formas de exclusión ou dificultade.
    3. Casas especiais: como NOVIDADE na presente edición, incorpóranse 4 RETOS MENSUAIS dirixidos a cada unha das categorías de participación. Ao longo do taboleiro do xogo hai catro casas especiais, cada unha vinculada a un reto relacionado cunha discapacidade: visual, auditiva, física ou intelectual, que serven para empatizar coas distintas discapacidades.

      Os retos activaranse de forma individual, un por mes, en outubro, novembro, xaneiro e febreiro, e a participación nestas casas é opcional: poden presentarse a un reto, varios, todos ou ningún.

      Cada reto mensual ten un premio para a aula gañadora na súa categoría. Toda a información detallada sobre o seu desenvolvemento, requisitos e procedemento de participación atópase recollida no Anexo I destas bases, que forma parte integrante da presente convocatoria.
    4. Fichas de apoio para deseñar produtos accesíbeis.

Poderase acceder ao material didáctico, ademais de ao xogo, a partir do 15 de outubro de 2025. O material didáctico estará dispoñíbel en castelán, catalán, galego, éuscaro e inglés, todos eles en versión accesíbel, sendo posíbel descargalo e/ou imprimilo directamente desde a web.

5.ª - Categorías de participación

  • A: 3.º e 4.º de Educación Primaria
  • B: 5.º e 6.º de Educación Primaria
  • C: Educación Secundaria Obrigatoria e Ciclo Formativo de Grao Básico
  • E: Educación Especial

A participación realizarase por clases completas (un traballo-unha clase) dirixidas por un ou unha docente. Cada clase participante deberá presentar un só traballo (formado por unha ficha técnica e a imaxe do invento/produto que inclúa o nome do mesmo e a súa audiodescrición). No caso de que un mesmo traballo sexa presentado por varias clases, só se admitirá a concurso aquel subido á plataforma en primeiro lugar. Non se admitirán a concurso traballos realizados por varias clases.

Cada clase participará sempre dentro da categoría correspondente, segundo o curso ao que pertenzan os alumnos e alumnas. Como excepción, aceptaranse traballos que correspondan a alumnado de varias categorías, tal e como ocorre nos centros escolares rurais agrupados, clases de circo itinerantes, clases especiais de apoio etc. Nestes casos, a clase participará na categoría na que haxa máis alumnos e alumnas. En caso de empate, a clase participará pola categoría superior.

O número máximo de alumnado participante por traballo (un traballo por clase) será o número máximo de alumnos e alumnas por clase que marque a lei vixente para cada nivel.

Con respecto á categoría E, de Educación Especial, exclusivamente poderán participar os centros oficiais que ofrezan ensinos dirixidos especificamente a alumnado con necesidades educativas especiais.

NOTA: aquelas clases que estean a cursar ciclos de Formación Profesional dirixidos á atención á diversidade ou modalidade especial participarán na categoría C, sempre que cumpran coas bases, e aquelas clases que, dentro dun centro educativo ordinario, conten con alumnado con Necesidades Educativas Especiais, non participarán na categoría E, senón naquela que corresponda á maioría do alumnado do grupo.

6.ª - Criterios de valoración

  • 1. VIABILIDADE E ENFOQUE NA ACCESIBILIDADE
    A proposta debe resolver unha barreira real relacionada coa accesibilidade dun tipo de discapacidade (visual, auditiva, física ou cognitiva) e propoñer unha solución que sexa posíbel levar a cabo.
  • 2. ORIXINALIDADE DA IDEA
    Valorarase que o produto proposto non exista actualmente ou que propoña unha mellora clara fronte a solucións xa existentes, polo que se valorará que sexan propostas innovadoras.
  • 3. PRESENTACIÓN CREATIVA DO PRODUTO
    Terase en conta como se comunica a idea na imaxe enviada: nome do produto, ilustración ou deseño e atractivo visual do mesmo, ademais da claridade da explicación na ficha técnica.
  • 4. ACCESIBILIDADE DA PROPIA PROPOSTA
    Valoraranse especialmente os traballos que presenten a súa idea de forma accesíbel, clara, respectuosa e comprensíbel para calquera persoa.

7.ª - Participación

Para participar, a dirección ou profesorado dos centros educativos terán que rexistrarse a través dun deste métodos:/p>

  • a web do Concurso www.concursoescolaronce.es
  • o teléfono gratuíto 900 808 111

O/A docente que coordine os grupos participantes responsabilizarase de encher de maneira correcta todos os datos solicitados (do centro e do/a docente) no formulario de rexistro, ademais da posterior subida á web do traballo da súa clase.

O período de participación comezará o 10 de setembro de 2025 e finalizará o 6 de febreiro de 2026. A organización do Concurso reserva o dereito de adiantar a data de comezo de participación (previa comunicación na súa web), alén de ampliar o prazo da mesma, se o considerase necesario. En calquera caso, en prol de fomentar a participación, e segundo o seu propio criterio, cada xurado poderá admitir traballos até dous días antes da data do veredicto.

NOTA: aqueles docentes que queiran solicitar un certificado de participación nesta edición do Concurso han de facelo antes do 31 de decembro de 2026, quedando a discreción da coordinación do Concurso a emisión dos mesmos tras esta data.

8.ª - Fases da valoración do Concurso e Xurados

  • Fase de ámbito autonómico
    O/A responsábel de cada Centro da ONCE no que se constitúa o xurado autonómico designará unha persoa responsábel do Concurso, debendo comunicar o seu nome o antes posíbel á Dirección de Comunicación, Imaxe e Marca. Esta persoa responsábel realizará as tarefas propias de coordinación, información e apoio ao Concurso.

    En cada Comunidade Autónoma seleccionarase un traballo gañador por cada unha das seguintes categorías: A, B e C. Estes traballos pasarán a competir na fase estatal.

    Constituirase un xurado de ámbito autonómico en cada unha das Delegacións da ONCE, e tamén nas sedes das Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla.

    Naqueles casos nos que se presenten máis de 100 traballos por categoría, a coordinación destes centros poderá solicitar unha Mesa Técnica, que valorará a totalidade dos traballos e reducirá a listaxe a 100 por categoría.

    Os xurados autonómicos reuniranse entre o 2 e o 6 de marzo de 2026.

    Recoméndase que os xurados autonómicos estean compostos, polo menos, por seis membros: tres representantes da ONCE (un da área da representación, un da área da xestión e un profesional especializado dos Equipos Específicos de Atención Educativa dese ámbito territorial) e, na medida do posíbel, outras tres persoas externas á ONCE, que poden pertencer aos ámbitos da comunicación, o deseño, a educación, a inclusión ou a participación social, a administración pública, o sector terciario ou a calquera outra entidade que sexa de interese.

    É desexábel que a participación de representación, ao máis alto nivel posíbel, da Consellería de Educación (ou daquelas relacionadas coa innovación se as houber) da Comunidade Autónoma correspondente, foméntese nos eventos de entrega de premios ou accións de relacións públicas que se desenvolvan posteriores aos xurados autonómicos.

  • Fase de ámbito estatal
    Premiarase un traballo por cada categoría (A, B, C e E). Os traballos da categoría E participarán unicamente na fase final do Concurso e serán avaliados por un xurado de ámbito estatal, formado por un equipo técnico do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, que realizará unha selección de cinco traballos finalistas, entre os que elixirá o gañador estatal.

    O xurado nacional reunirase antes do 30 de abril de 2026.

    O xurado de ámbito nacional compoñerase, alén dos representantes citados na fase autonómica, dunha persoa relacionada co mundo da educación especial e doutras personalidades relevantes relacionadas coa temática do Concurso.

En cada un dos xurados, o membro representante da ONCE de maior rango actuará como presidente/a e ostentará o voto de calidade para dirimir, no seu caso, o empate na votación do xurado.

En ningún caso os xurados poderán adxudicar a dous ou máis traballos o mesmo posto na clasificación.

Non se poderá deixar deserto ningún premio en ningunha categoría, en ningunha das fases, sempre que haxa polo menos dous traballos presentados que cumpran os requisitos do presente Concurso.

En caso de descualificación dun traballo polo incumprimento dos requisitos, deberá quedar xustificado por parte do xurado e reflectido na acta do veredicto.

As decisións e interpretacións dos xurados serán inapelábeis.

Unha vez seleccionados, os traballos gañadores serán publicados na web do Concurso nos 7 días laborábeis seguintes ao veredicto dos xurados.

9.ª - Premios

  • NOVIDADE- PREMIOS RETOS MENSUAIS CASAS ESPECIAIS DO “GRAN TABOLEIRO DA ACCESIBILIDADE”
    Consultar información recollida no Anexo I destas bases, que forma parte integrante da presente convocatoria.

  • PREMIOS FASE AUTONÓMICA
    O alumnado e o profesorado dos grupos gañadores na fase autonómica e os cinco grupos dos traballos seleccionados como finalistas da categoría E serán premiados cunha actividade para toda a clase, valorada nun máximo de 300 euros máis IVE/IGIC.

    Estes premios non poderán trocarse en metálico, asumindo a ONCE o gasto máximo previsto contra factura emitida a nome da axencia The Modern Kids and Family, asignada pola ONCE para a xestión do presente Concurso.

    O prazo para levar a cabo a actividade será ata o 31 de outubro de 2026.

    Os premios que, logo das comunicacións oportunas por parte da organización do Concurso, non fosen trocados antes desa data, serán doados á Federación Española do Banco de Alimentos (ingresando o seu valor en metálico).

    Aqueles centros gañadores que desexen doar o valor do seu premio a outras organizacións, con obxectivo solidario e altruísta, haberán de realizar de maneira autónoma a xestión do mesmo, ingresando a axencia The Modern Kids and Family o importe ao centro, previa recepción de documento de renuncia e comunicación da entidade destinataria do mesmo, e presentando posteriormente á ONCE xustificante de transferencia ou pago do premio á entidade elixida, ou documento acreditativo do destino do premio, emitido pola entidade beneficiaria.

  • PREMIOS FASE ESTATAL
    Os equipos gañadores da 42.ª edición (cat. A, B, C e E) viaxarán a Madrid para participar no Hackathon Xeración Innova, un evento único que une mocidade, innovación e accesibilidade. Un encontro onde os gañadores e gañadoras vivirán retos, dinámicas colaborativas e experiencias inmersivas e enfrontaranse a un reto social real, deseñando solucións creativas que promovan a accesibilidade. A experiencia será guiada por persoas expertas en deseño de produtos accesíbeis, como o equipo de ONCE Innova, CTI de ONCE e outras entidades colaboradoras. Os participantes vivirán unha experiencia que potenciará o seu compromiso coa inclusión.

    Está previsto que o hackathon se celebre durante a primeira quincena de xuño (por determinar). Este premio inclúe as viaxes de desprazamento de ida e volta, aloxamento e manutención desde a chegada ata a saída (3-4 días por determinar), ademais dos obradoiros e outras actividades lúdicas. A información completa, incluído o calendario final, enviarase ás clases gañadoras cunha antelación mínima de 20 días ao comezo da experiencia.

    Ademais, os centros gañadores a nivel nacional recibirán un diploma acreditativo.

O importe dos premios nunca poderá trocarse por diñeiro. Os premios que, logo das comunicacións oportunas por parte da organización do Concurso, non fosen trocados antes desa data, serán doados á Federación Española do Banco de Alimentos (ingresando o seu valor en metálico).

10ª.- Lexislación

ACEPTACIÓN BASES LEGAIS
A participación no Concurso Escolar ONCE supón a aceptación dos termos da convocatoria, reflectidos neste Oficio-Circular e resumidos no extracto das bases do Concurso que se atopan na web do mesmo: www.concursoescolaronce.es.

FISCALIDADE
Os premios estarán suxeitos a retención ou ingreso a conta, de acordo coa normativa fiscal vixente no momento do pago.

DEREITOS DE IMAXE E VOZ
O profesorado participante debe asegurarse de que dispón dos documentos de cesión de dereitos de voz e imaxe do alumnado que poida aparecer na audiodescrición dos traballos, e tamén nos vídeos tipo TikTok, nos casos en que unha clase participe nalgún dos catro retos extra que se propoñerán, coa extensión que resulte necesaria segundo os termos desta convocatoria, debidamente asinados polos alumnos/as ou os seus representantes legais segundo o caso. Na páxina web do Concurso poñerase a disposición das persoas participantes un documento de cesión de dereitos de imaxe e voz.

A ONCE solicitará este documento en caso de ser gañadores do reto correspondente, e tamén aos gañadores da fase autonómica.

A ONCE non será responsábel de ningunha reclamación relacionada cos dereitos de imaxe e voz dos participantes nos traballos a concurso.

DEREITOS DE PROPIEDADE INDUSTRIAL E INTELECTUAL
Unha vez realizada a valoración do traballo polo xurado correspondente (que sempre se realizará sobre o orixinal presentado), a ONCE reserva o dereito de procesar, adaptar, desenvolver e corrixir os traballos presentados a concurso, no sentido máis amplo que se poida entender.

A participación nesta convocatoria implica que o profesorado e o alumnado participante nos traballos gañadores na fase de ámbito autonómico (categorías A, B e C) e os finalistas da categoría E ceden á ONCE en exclusiva durante un prazo de 50 anos, sen límite territorial, material nin xeográfico, e con posibilidade de cesión a terceiros (a totalidade ou unha parte dos dereitos patrimoniais obxecto da cesión), todos os dereitos de propiedade industrial e intelectual sobre os traballos gañadores e, no seu caso, sobre a obra resultante da transformación realizada pola ONCE, incluídos os dereitos de reprodución, edición en soporte papel e electrónico, fixación, compilación, comunicación pública, transformación, distribución por calquera medio ou formato físico ou electrónico (incluído Internet e redes sociais) e, en xeral, explotación sobre os devanditos traballos, sós ou compilados nun catálogo ou colección, podendo solicitar a inscrición, ao seu nome, dos devanditos traballos e das obras resultantes da transformación en calquera rexistro público de acordo coa normativa aplicábel. Esta cesión non devindicará ningunha compensación.

En exercicio dos dereitos cedidos, a ONCE poderá construír maquetas/prototipos dos produtos/inventos presentados nos traballos gañadores na fase de ámbito autonómico (categorías A, B e C) e finalistas da categoría E, coas adaptacións e cambios que estime convenientes sobre o proxecto orixinal, e mostrar tales maquetas/prototipos ao alumnado e a outros colectivos, alén de reproducilos, distribuílos e comunicalos publicamente en calquera medio ou soporte, físico ou electrónico, incluída a web oficial e redes sociais do Concurso e calquera páxina web e rede social do Grupo Social ONCE.

Na páxina web do Concurso a disposición dos participantes un documento de cesión de dereitos de propiedade industrial e intelectual que deberá ser anexado necesariamente ao subir o traballo á plataforma.

DEREITOS DE TERCEIROS
Se se utilizase calquera contido (imaxe, slogan, música etc.) propiedade de terceiros, os profesores participantes deberán asegurarse de que están libres de dereitos ou que dispoñen dos correspondentes dereitos de imaxe/voz ou de propiedade intelectual coa extensión que resulte necesaria segundo os termos desta convocatoria.

Para a presentación dos traballos a través da web, solicitarase confirmación de contar con toda a documentación referente aos dereitos, que haberá de ser achegada pola persoa que suba o traballo. Posteriormente realizarase unha revisión deste aspecto e solicitarase aquela documentación que non fose facilitada.

Todos aqueles traballos que non conten cos dereitos ou permisos pertinentes quedarán descualificados.

Se por calquera circunstancia allea ao Grupo Social ONCE, finalmente resultase premiado un traballo onde non quede suficientemente xustificado que está libre de dereitos de terceiros, ou non se presentaron as correspondentes cesións de dereitos de imaxe/voz e de propiedade intelectual, ou se revogaron posteriormente, a ONCE poderá modificalo para a súa publicación, ou ben optar por non publicalo. Alén diso, o traballo non poderá optar á participación na seguinte fase, sen prexuízo de percibir o premio outorgado na súa fase e categoría.

O Grupo Social ONCE non será responsábel dos dereitos de imaxe/voz dos participantes nin de ningunha reclamación relacionada cos dereitos de imaxe/voz ou propiedade intelectual dos participantes ou de terceiros.

PROTECCIÓN DE DATOS
Os datos persoais que sexa necesario solicitar para a participación no Concurso serán tratados segundo as normas establecidas no Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento Xeral de Protección de Datos) e na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais (LOPDGDD). A recollida dos datos só se realizará co consentimento do seu titular para que os devanditos datos poidan ser incorporados a ficheiros titularidade da ONCE e tratados exclusivamente para a finalidade que se especifique na lenda adxunta ao formulario de recollida dos datos que estará publicado na web do Concurso. Os datos obtidos a través dos formularios correspondentes serán os mínimos imprescindíbeis para facer posíbel a participación no Concurso.

Para a presentación dos traballos a través da web, solicitarase confirmación de contar con toda a documentación referente aos dereitos, que haberá de ser achegada pola persoa que suba o traballo. Posteriormente realizarase unha revisión deste aspecto e solicitarase aquela documentación que non fose facilitada.

Todos aqueles traballos que non conten cos dereitos ou permisos pertinentes quedarán descualificados.

Se por calquera circunstancia allea ao Grupo Social ONCE, finalmente resultase premiado un traballo onde non quede suficientemente xustificado que está libre de dereitos de terceiros, ou non se presentaron as correspondentes cesións de dereitos de imaxe/voz e de propiedade intelectual, ou se revogaron posteriormente, a ONCE poderá modificalo para a súa publicación, ou ben optar por non publicalo. Alén diso, o traballo non poderá optar á participación na seguinte fase, sen prexuízo de percibir o premio outorgado na súa fase e categoría.

O Grupo Social ONCE non será responsábel dos dereitos de imaxe/voz dos participantes nin de ningunha reclamación relacionada cos dereitos de imaxe/voz ou propiedade intelectual dos participantes ou de terceiros.

ANEXO: RETOS MENSUAIS CASAS ESPECIAIS DO “GRAN TABOLEIRO DA ACCESIBILIDADE”

Ademais do traballo principal de participación, para optar aos premios autonómicos e/ou ao gran premio nacional, o Concurso ofrece unha nova estratexia complementaria baseada en retos mensuais totalmente opcionais.

Estes retos mensuais activaranse desde “O Gran Taboleiro da Accesibilidade”, xogo dixital educativo, práctico e accesíbel para a aula.

Onde e cando se comunicarán estas casas especiais?

Os retos que propoñen as 4 casas iranse comunicando de maneira gradual a través dos seguintes medios:

  • Emailings dirixidos ao profesorado.
  • Redes sociais do Concurso.
  • A web oficial do Concurso Escolar ONCE.
  • Redes do Grupo Social ONCE

Unha vez se teña acceso ao “Gran Taboleiro da Accesibilidade” (15 de outubro), tamén permanecerán comunicadas no taboleiro estas casas, que se irán activando nas datas previstas.

Categorías de participación

Establécense 4 categorías de participación:

  • A: 3.º e 4.º de Educación Primaria
  • B: 5.º e 6.º de Educación Primaria
  • C: 1º. a 4.º da ESO e Ciclo Formativo de Grao Básico.
  • E: Educación Especial.

Que fai o alumnado para participar nas casas especiais?

En cada reto, os alumnos e alumnas vivirán na aula unha situación cotiá poñéndose na pel dunha persoa con discapacidade, e desde a empatía, deberán reflexionar sobre a experiencia.

Posteriormente, deben gravar un vídeo breve de non máis de 90 segundos (tipo TikTok) que explique a que barreira se enfrontaron e como se sentiron, achegando ideas de mellora da barreira detectada e para a inclusión das persoas coa devandita necesidade. A participación realizarase subindo o traballo á área privada do docente.

Participación e período

Poden participar todas as aulas rexistradas no Concurso.

As datas de participación de cada reto son:

  • Reto 1 OUTUBRO 2025: desde o día 1 ao 31 de outubro de 2025.
  • Reto 2 NOVEMBRO 2025: desde o día 3 ao 30 de novembro 2025.
  • Reto 3 XANEIRO 2026: desde o día 8 ao 30 de xaneiro de 2026.
  • Reto 4 FEBREIRO 2026: desde o día 2 ao 27 de febreiro de 2026.

Criterios de valoración

Durante os 90 segundos de vídeo deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • Análise da barreira, exemplificar ou expoñer, a través dunha situación cotiá, o desafío ou dificultade.
  • Enfoque e empatía, expoñer a situación ou desafío, desde a empatía e comprensión cara ás persoas con discapacidade.
  • Proposta para mellorar a situación vivida, exemplifícase a idea, e o seu impacto para facilitar o día a día das persoas con discapacidade.

Elección de gañadores

Os vídeos elaborados en cada reto deberán subirse á área privada do docente. Unha vez recibidos os vídeos correspondentes ao reto do mes, unha mesa técnica revisará que cumpren as bases (ver apartado “10- LEXISLACIÓN), elixindo por cada categoría o traballo gañador (4 traballos en total en cada reto, un por categoría).

Esta mesa técnica estará composta polas seguintes figuras:

  • Un/Unha representante da comunidade docente con formación en pedagoxía.
  • Un/Unha representante do ámbito da comunicación e a creatividade.
  • Un/Unha representante da secretaría do Concurso.

Premios:

Os grupos gañadores de cada un dos retos mensuais (4 en cada reto- categorías A, B, C e E) recibirán os seguintes premios (un por clase):

Por cada reto e para cada categoría establécense os seguintes premios.

  • Reto 1 OUTUBRO 2025: Superpack de Lego: Inclúe Braille Bricks, Classic, BricQ e DOTS, por valor de 330 €.
  • Reto 2 NOVEMBRO 2025: Impresora 3D con filamento, por valor de 275 €.
  • Reto 3 XANEIRO 2026: Dúas tabletas marca Lenovo para a aula con subscrición de 3 meses a Canva e Genially, por valor de 500 €.
  • Reto 4 FEBREIRO 2026: Un smartwatch para cada alumno e alumna e o profesorado por valor de 300 € (mínimo pack de 20 unidades ata número total de alumnos na aula).

Estes premios non poderán trocarse polo seu valor en metálico.

A organización do 42 Concurso Escolar ONCE poñerase en contacto cos 4 gañadores para obter os datos necesarios para facerlle chegar o premio.

As entregas dos premios faranse a través do centro ONCE correspondente, ou ben mediante o seu envío por mensaxaría á dirección que o gañador especifique, comunicándolles a modalidade de envío aos 4 gañadores de cada reto. Os premios de cada reto entregaranse ou enviaranse no mes seguinte ao reto.

Protección de datos persoais

Segundo o establecido no Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento Xeral de Protección de Datos) e na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, os participantes quedan informados de que os datos persoais do gañador serán tratados pola ONCE, como responsábel do tratamento, con domicilio na rúa Prado, n.º 24, 28014 Madrid, coa única finalidade de xestionar a entrega do regalo e cumprir coas obrigas fiscais correspondentes. A base xurídica do tratamento dos datos atópase no consentimento prestado polos participantes ao aceptar as bases do Concurso, ademais de incumprimento das obrigas derivadas da súa participación no mesmo e nos retos mensuais.

En calquera momento, o/a docente representante da clase gañadora poderá exercitar, se procede, os seus dereitos de acceso aos datos, rectificación, supresión, limitación do seu tratamento ou oposición ao tratamento e á portabilidade dos datos, ademais de a revogar o seu consentimento ao tratamento dos seus datos, mediante solicitude por escrito á ONCE dirixida a rúa Prado, n.º 24, 28014 Madrid ou ao correo electrónico dpdatos@once.es. A revogación do consentimento non afectará á licitude do tratamento baseada no seu consentimento inicial e na necesidade do seu tratamento para a execución da promoción.

Os titulares dos datos, no caso de que así o consideren, teñen o dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos. A ONCE nomeou un delegado de Protección de Datos, con correo electrónico dpdatos@once.es e domicilio de contacto na rúa Prado, n.º 24, 28014 Madrid.

Cando a organización do Concurso contacte coa persoa representante da clase gañadora, conforme ao disposto nestas bases, solicitaralle que acepte expresamente as presentes bases e que preste o seu consentimento inequívoco, libre e específico para que os seus datos persoais poidan ser tratados pola ONCE para xestionar a entrega do regalo que lle correspondera. Se o gañador e, no seu caso, os suplentes se opoñen ao tratamento dos seus datos pola ONCE, non se lles poderá facer entrega do regalo e perderán o dereito a recibilo

A ONCE poderá autorizar a terceiros, en calidade de encargados do tratamento, para acceder e xestionar os datos dos gañadores co fin de realizar, en nome da ONCE, as xestións necesarias para contactar cos gañadores por correo electrónico e tramitar a entrega do regalo.

Uso do nome dos gañadores

Ao aceptar o regalo e as presentes bases, as 4 clases gañadores dos retos mensuais consenten expresamente a utilización, publicación e reprodución por parte da ONCE e Grupo Social ONCE do traballo, ademais dos datos do centro en calquera tipo de publicidade, promoción, publicación, incluído Internet, ou calquera outro medio da natureza que sexa, con fins informativos, sempre que estes teñan relación co 42 Concurso Escolar ONCE sen reembolso ou compensación de ningún tipo para o participante e sen necesidade de pagar ningunha contraprestación.

LIGAZÓNS DESTACADAS: