Guionce

Introdución

Nun mundo cada vez máis interconectado, comprender e valorar as diversas realidades das persoas é fundamental. A través dun recurso lúdico e inmersivo, o xogo dixital “O gran taboleiro da accesibilidade” expón ao alumnado unha situación de aprendizaxe interactiva, inclusiva, dinámica e participativa.

Os e as alumnas terán a oportunidade de explorar e experimentar de forma simulada os desafíos e perspectivas asociados a diferentes discapacidades. A través de retos dinámicos e participativos, o xogo procura promover unha comprensión máis profunda da discapacidade, reducir prexuízos e estigmas, e contribuír á construción dunha sociedade máis inclusiva, empática e respectuosa.

A) Proxección do xogo

Proxecta, no ordenador da aula ou no encerado, o recurso dixital, para que o alumnado interactúe coas dinámicas gamificadas, aplicando soportes de apoio para o alumnado con discapacidade visual cando sexa necesario.

É unha ferramenta moi flexíbel que che permite xogar en modo colaborativo, con todo o grupo-clase.

Nesta modalidade, ti asumes o papel de moderador ou moderadora do xogo e es quen impulsa a participación do alumnado: organizas os equipos, lanzas o dado, avanzas as fichas polas casas e fomentas a implicación e a escoita activa de todas e todos.

Se prefires que se xogue noutro tipo de dispositivo, o teu alumnado pode agruparse por parellas ou por equipos, sendo eles os que avancen polo taboleiro, alternando as xogadas por quendas.

O xogo está pensado para a aula, con casas de reto que se realizan na aula e outras que levan a cabo na casa canda a familia.

B) Flexíbel e variado

Ti elixes a duración da partida para que se adapte á túa aula:

  • Partida mínima 20 minutos
  • Partida media 30 minutos
  • Partida máxima 45 minutos

O xogo está programado e conta cun repositorio de retos, para que xogar as veces que se queira sempre con novas aprendizaxes.

Cada categoría de participación conta cun taboleiro axustado á etapa educativa: Primaria, Secundaria e Educación Especial.

C) Casas e retos

O taboleiro do xogo “O gran taboleiro da accesibilidade” está composto por casas, con 5 tipos de retos diferentes, un dado (podes empregar un accesíbel para alumnado con discapacidade visual) e fichas de equipo para avanzar.

En cada casa proponse un reto experiencial adaptado para facer de forma sinxela na aula ou fóra dela, co que colocar ao alumnado na pel das persoas que se enfrontan a diferentes tipos de barreiras no seu día a día.

Algúns retos precisan de materiais de aula (estoxos, mochilas, lapis, etc.) para poder realizalo.

As casas tamén mostrarán en pantalla exemplos reais de produtos accesíbeis que resolven as barreiras das persoas con discapacidade, para servir de inspiración ao alumnado e comprobar como a imaxinación e a creatividade son a pedra angular da innovación.

Cor da casa
Tipo de reto na casa
Morado
Casas con retos sobre a discapacidade visual
Azul
Casas con retos sobre a discapacidade auditiva
Vermello
Casas con retos sobre a discapacidade física
Verde
Casas con retos sobre a discapacidade intelectual
Amarelo
Casas con retos sobre barreiras cotiás que fan visibilizar outras formas de exclusión ou dificultade (alerxias, TDAH, trastorno específico da linguaxe, dificultades de aprendizaxe, dislexia, hipersensibilidade sensorial, barreiras lingüísticas, alén de problemas de saúde mental como a agorafobia, anorexia, ansiedade, depresión, etc.)
Multicolor
Retos mensuais con premio: un reto por cada discapacidade

Retos mensuais

Cada mes, o taboleiro terá activada unha casa especial para participar no reto mensual, que tratará sobre cada discapacidade: visual, auditiva, física e intelectual.

Para participar, o docente poderá subir á súa Área Privada un vídeo cunha duración máxima de 90 segundos, no que se mostre unha barreira relativa á discapacidade (visual, auditiva, física e intelectual) e a solución imaxinada para facilitar a vida das persoas con esa discapacidade.

A estrutura do vídeo debe ter en conta 3 momentos:

  • Análise da barreira:

    exemplifica ou expón, a través dunha situación cotiá, o desafío ou dificultade. Móstrase o grao de comprensión das dificultades e os desafíos que enfrontan as persoas con discapacidade.

  • Enfoque e empatía:

    expón a situación ou desafío, mostrando a capacidade de poñerse no lugar do outro, facendo ver como senten e ao que se enfrontan as persoas con discapacidade e o que podemos facer os demais para facilitar a súa inclusión na sociedade.

  • Proposta de solución:

    exemplifícase a idea-solución e o seu impacto para mellorar a vida das persoas con discapacidade, como proba de imaxinación, creación e innovación aplicadas á solución, desde un enfoque de reflexión crítica para lograr unha sociedade máis xusta, participativa para persoas con discapacidade e inclusiva.

D) Logros na aprendizaxe

Ao finalizar cada casa, móstranse en pantalla algunhas reflexións sobre a aprendizaxe que se adquire ao realizar o reto.

Discapacidade visual

Empatía e sensibilización: comprenden as dificultades e os desafíos que enfrontan as persoas con discapacidade visual na súa vida diaria. Foméntase a capacidade de poñerse no lugar do outro e desenvolver unha actitude de respecto e comprensión. Reflexiónase sobre a importancia do tacto perante a ausencia de visión, o uso do son como guía na exploración e a importancia da orde.

Discapacidade auditiva

Empatía e sensibilización: experimentan de primeira man as dificultades de comunicación que enfrontan as persoas con discapacidade auditiva. Comprenden o frustrante que pode ser non entender o que se di, non poder participar nunha conversación ou non ouvir unha advertencia. Isto cultiva a empatía, o respecto e a valoración das diferenzas. Reflexiónase sobre a importancia da lectura labial e aprender lingua de signos para poder comunicarnos con persoas con discapacidade auditiva alén o uso de imaxes e sinalización de maneira complementaria aos sinais acústicos.

Discapacidade física

Empatía e sensibilización: experimentan as dificultades físicas que enfrontan as persoas con mobilidade reducida no seu día a día. Comprenden o desafiante que é moverse, alcanzar obxectos, participar en xogos ou realizar tarefas cotiás cando o corpo non responde como un espera. Isto fomenta unha comprensión profunda e un respecto xenuíno, alén da validación de distintas alternativas para realizar as tarefas.

Discapacidade intelectual

Empatía e sensibilización: Ao experimentar actividades que requiren maior tempo, repetición, secuenciación, linguaxe sinxela, pictogramas, instrucións claras ou unha forma diferente de abordaxe, os nenos poden empezar a comprender que non todos aprenden ou procesan a información ao mesmo ritmo ou da mesma maneira. Isto xera unha maior comprensión e paciencia cara a quen precisa máis apoio.

Outras barreiras para a aprendizaxe e a participación de exclusión ou dificultade

Empatía e sensibilización: Os nenos e nenas descobren que tamén existen barreiras cotiás ligadas ás alerxias, a saúde mental, as diferenzas culturais ou lingüísticas, entre outras, que poden xerar exclusión ou dificultade. Ao comprender estas situacións, desenvolven maior empatía e sensibilidade cara ás necesidades de seguridade e benestar dos demais.