Guionce

Minuto 11.11: Parar para imaxinar

Propoñémosche activar o minuto 11:11 na aula: unhas pequenas pausas que convidan a imaxinar unha contorna accesíbel de forma libre a través de preguntas sinxelas que fomentasen a participación dos teus alumnos e alumnas, poñendo en valor a súa imaxinación e ganas de mellorar a súa contorna cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva.

O momento de activar estas preguntas de reflexión é fundamental para maximizar o seu impacto e asegurar que os alumnos e as alumnas estean receptivos/as e preparados/as para usalas como panca para imaxinar os seus produtos accesíbeis.

Unha vez que presentes a actividade de "desenvolvemento de produtos accesíbeis" e explicado o obxectivo desta 42 edición (e posterior presentación a concurso), expón ao alumnado estas preguntas para axudarlles a enfocar as súas solucións desde a imaxinación e a empatía.

  • Este é o momento inicial de "inmersión". As preguntas serven para activar o pensamento empático e comezar a imaxinar solucións. As preguntas axúdanlles a pasar dunha comprensión abstracta da accesibilidade para visualizar situacións concretas.
  • Tamén actúan como disparadores de imaxinación e "desbloqueadores" cando as ideas flúen con dificultade. Se se senten atrancados ou as súas ideas son demasiado xenerais, podes pedirlles que reflexionen sobre elas. Isto axudaralles a afinar o problema que queren resolver e a pensar en solucións máis específicas e orixinais.
  • As preguntas axúdanlles a validar a relevancia das barreiras que identificaron. Convídaos a profundar en se realmente comprenderon o desafío desde a perspectiva da persoa con discapacidade. Anímaos a preguntarse: "É esta unha barreira real e significativa? Estou a entendela a fondo?

Preguntas do minuto 11:11: parar para imaxinar

Se unha persoa non puidese ver nada, como sabería que hai diante dela sobre unha mesa? Como se movería con seguridade por un espazo novo? Como podería elixir a roupa que quere poñerse para ir ao instituto?

Imaxina que non podes usar as túas mans ou brazos para nada. Como poderías abrir unha porta, prender a luz, responder a unha mensaxe no teu teléfono ou preparar a túa mochila para ir á escola?

Se non puideses ouvir absolutamente nada, como te decatarías de que alguén chama polo teu nome? Como saberías se o autobús que esperas chegou? Como te decatarías de que soou o timbre do cambio de aula? Como te decatarías do que se está explicando na aula? E como poderías comprender o que che di o teu mellor amigo ou amiga nun audio de WhatsApp?

Pensa en algo tan simple como un vaso de auga. Se tiveses dificultades para te moveres ou para controlar os teus movementos, como poderías beber sen derramar auga? Como poderías evitar que se che caian os flocos de millo no cinema se non podes controlar o movemento das túas mans e brazos?

Que pasaría se a información só se presentara dunha maneira (por exemplo, só como texto nunha pantalla, ou só como audio nun anuncio)? Como poderías asegurarte de que todos a entendan? E cando a información é complexa e está desordenada?

Se tiveses que usar un obxecto cotián (un bolígrafo, unhas tesoiras, un mando a distancia) sen usar os teus dedos, como o redeseñarías para que fose útil?

Que sons ou sinais visuais poderías engadir a algo que xa existe para que sexa máis fácil de usar ou detectar para alguén cunha discapacidade sensorial?

Se un amigo ou unha amiga con unha discapacidade específica viñese á túa casa para xogar, que lle preocuparía facer? Como adaptarías os teus xoguetes ou as túas actividades para que puidese gozar plenamente?

Pensa en algo que a xente dá por seguro, como o feito de subir escaleiras ou asinar un documento. Como poderías facer que esa acción sexa posíbel para alguén cunha limitación física?

Se tiveses que explicar algo complexo a alguén cunha discapacidade cognitiva, como cambiarías a forma en que presentas a información para que fose clara e sinxela?