O camiño que nos torna iguais
Material didáctico secundaria, bacharelato e FP

Benvidos á 38ª edición do Concurso Escolar do Grupo Social ONCE, o programa de acción educativa que vos axuda a fomentar valores como a solidariedade e o pensamento crítico, o papel activo do alumnado e o traballo colaborativo, para conseguir igualdade e oportunidades para todas as persoas.

Desde o Grupo Social ONCE sabemos que o camiño da inclusión só se percorre dunha forma: TODOS XUNTOS.

A educación é unha ferramenta poderosa para conseguir unha sociedade máis xusta, mellor. A través deste concurso sentimos a esperanza e temos a certeza de que, xunto a vós, docentes, alumnado e familias, estamos a crear un futuro máis inclusivo.

Por iso o Concurso Escolar do Grupo Social ONCE, na súa 38ª Edición, convídavos a traballar unidos pola inclusión e converte ao alumnado en axente de cambio, animándoo a actuar, dentro e fóra das aulas, para facer máis inclusiva a contorna. Porque todos podemos sumar pasos no camiño da igualdade.

Este ano, baixo o lema "O CAMIÑO QUE NOS TORNA IGUAIS", propoñémosvos pasar da sensibilización á acción, a través dunha proposta pedagoxicamente actual e atractiva, baseada na LOMLOE.

Todo iso a través de Oncelio, o noso icónico isotipo, que se encheu de cores para acompañármolo neste camiño e xuntos sumar quilómetros de ilusión.

QUE É O GRUPO SOCIAL ONCE

O Grupo Social ONCE é a conxunción do labor de ONCE, Fundación ONCE e Ilunion cunha mesma identidade e unha prioridade claramente establecida: a plena inclusión e o acceso á vida independente das persoas cegas e con outra discapacidade en España e no mundo.

Educación, formación continua, emprego e accesibilidade son obxectivos sempre presentes, que se asentan sobre a innovación social e o pulo cara a sociedades máis inclusivas a través do fortalecemento do asociacionismo relacionado coa discapacidade, co terceiro sector ou coa economía social. Un modelo único que pivota na solidariedade coas persoas en risco de exclusión e que se concreta en quen ten algunha discapacidade, sobre a base do cumprimento dos seus dereitos de cidadanía.

Un Grupo cuxo propósito de plena inclusión das persoas cegas e con discapacidade se converteu nun modelo único no mundo de xeración de valor social para o conxunto da cidadanía. Un líder da economía social que demostra cada día que rendibilidade social e económica van da man, e que o fai sobre a conxunción de tres áreas de acción que, unidas, se complementan:

  • ONCE

    Referente mundial da inclusión e autonomía global das persoas cegas ou con discapacidade visual grave. Finánciase sobre un modelo de xestión de venda de produtos de lotería responsable, segura e solidaria, baixo control público, e coa reinversión íntegra de todos os seus ingresos en retorno social.

  • Fundación ONCE

    Instrumento creado pola Organización en 1988 para estender a solidariedade do modelo social da ONCE ao resto das persoas con discapacidade e fomentar así a súa inclusión, actuando sobre os eixes da formación, o emprego e a accesibilidade universal, unidos indisolublemente como vía de futuro.

  • Ilunion

    Marca das iniciativas empresariais de ONCE e Fundación ONCE unidas para converterse en líder da economía social. Diversifícase en seis áreas: servizos; hoteleira e hospitalaria; consultoría; sociosanitaria; comercialización; e economía circular. Ten como fin a sustentabilidade e o emprego de persoas con discapacidade.