Segundo o último estudo sobre xuventude e soidade non desexada en España realizado polo Observatorio SoledadES e promovido pola Fundación ONCE, a soidade non desexada é un problema social que afecta especialmente á xuventude, cunha prevalencia do 25,5 %.
Por iso, a 41.ª edición do Concurso Escolar ONCE convida o alumnado participante a pasar da educación á acción a través da primeira liga social creada por nenos, nenas, mozos e mozas para facer fronte á soidade non desexada.
Esta liga actuará desde a educación emocional, formando equipos escolares e ofrecendo actividades pensadas polos propios alumnos e alumnas para afrontar o problema e cumprir o propósito da liga:
que todos e todas poidamos contar sempre cun equipo!
1. Comezará realizando un adestramento emocional que facilita o autocoñecemento, a reflexión e a análise.
2. Como parte dese adestramento, realizará o seu traballo de participación: crear o escudo cos valores do seu equipo xunto a unha actividade ou actividades que supoñan oportunidades para consolidar relacións sociais a partir do lecer saudábel, incluíndo sempre ás persoas con discapacidade.
Así, os estudantes pasarán á acción e serán eles mesmos os que acheguen solucións que á súa vez poden servir de inspiración para os seus compañeiros e compañeiras ou para outros centros educativos.
Unha acción educativa que aborda o problema da soidade non desexada, converténdose nunha ferramenta práctica para o profesorado, útil para os centros e motivadora para o alumnado.