Nueva edición del Concurso Escolar ONCE

Estás visualizando una edición antigua del Concurso Escolar ONCE. Si deseas participar en la última edición haz click aquí.

O camiño que nos torna iguais

BASES DO CONCURSO

BASES DO 38 CONCURSO ESCOLAR "O CAMIÑO QUE NOS TORNA IGUAIS”

1ª.- Obxecto

O 38 CONCURSO GRUPO SOCIAL ONCE, co lema "O CAMIÑO QUE NOS TORNA IGUAIS” é un Programa de Acción Educativa cuxo obxecto é levar a cabo unha proposta pedagoxicamente actual e atractiva, baseada na LOMLOE que, mediante a presentación do novo isotipo do Grupo Social ONCE, permita traballar os valores de inclusión e igualdade que nos moven e que queremos facer chegar a toda a sociedade, comezando polo ámbito educativo.

2ª.- Ámbito

O concurso está dirixido ao alumnado de educación Primaria (cursos 3º, 4º, 5º e 6º), Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional (básica, media e superior) e Educación Especial, do conxunto de todos os centros educativos do Estado.

A participación canalizarase exclusivamente a través dos centros educativos recoñecidos polo Ministerio de Educación e Formación Profesional como tales.

Ademais, e como novidade nesta edición, convidamos a participar ás ANPA (Asociacións de Nais e Pais do Alumnado). Poderá participar calquera ANPA legalmente constituída e rexistrada no rexistro correspondente dos centros educativos que impartan ensino de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e/ou FP de todo o Estado.

3ª.- Categorías de participación

  • A: 3º e 4º de Educación Primaria
  • B: 5º e 6º de Educación Primaria
  • C: Educación Secundaria Obrigatoria - Formación Profesional Básica
  • D: Bacharelato e Formación Profesional media e superior
  • E: Educación Especial
  • F: as ANPA dos centros

Nas 5 primeiras categorías a participación realizarase por clases completas (un traballo-unha clase) dirixidas por un docente. Cada clase participante deberá presentar un só traballo. No caso de que un mesmo traballo sexa presentado por varias clases, só se admitirá a concurso aquel subido á plataforma en primeiro lugar. Non se admitirán a concurso traballos realizados por varias clases.

Cada clase participará sempre dentro da categoría correspondente, segundo o curso ao que pertenzan os alumnos. Como excepción, aceptaranse traballos que correspondan a alumnos de varias categorías, tal e como ocorre nos centros escolares rurais agrupados, clases de circo itinerantes, clases especiais de apoio, etc. Nestes casos a clase participará na categoría na que haxa máis alumnos. En caso de empate, a clase participará pola categoría superior.

O número máximo de participantes por traballo será o número máximo de alumnos por clase que marque a lei vixente para cada nivel.

Por outro lado, por circunstancias derivadas da pandemia de Coronavirus, a modalidade de participación poderá sufrir modificacións para adaptarse ás medidas que teñan que adoptar os centros educativos en prol da protección da saúde. Por tanto, no caso de que, por motivo sanitarios, o colexio estea obrigado a dividir a clase en grupos, permitirase de forma excepcional, a participación de grupo/traballo. En calquera caso, por motivos loxísticos e económicos, o número máximo de alumnos que participen co conxunto dos grupos/clase non poderá superar, en ningún caso, o máximo de 25 alumnos por clase.

Respecto a a categoría F, poderán participar nesta categoría todas as ANPA dos centros públicos, privados e concertados do Estado, mediante a presentación dun único proxecto, para facer o seu centro educativo máis inclusivo. Se nun mesmo centro houbese diferentes ANPA, cada unha poderá presentar un traballo distinto.

4ª.- Traballos a realizar

  • Categorías A, B, e E (Primaria, e Educación Especial):

    CARTEL que reivindique as pautas para fomentar a INCLUSIÓN e a igualdade dentro da súa contorna nun dos 4 ámbitos: lecer, educación, emprego e accesibilidade universal.

    Será enviado en liña a través da Zona Privada do profesor en formato .jpg cun peso máximo de 2 MB. O cartel terá un título que non superará os 140 caracteres e, para facilitar a accesibilidade, incorporará unha audio-descrición (explicando o cartel de maneira concreta e detallada: imaxes, cores, estrutura, mensaxe...) cunha duración máxima de 1 minuto. Os participantes poderán gravar dita audio-descrición a través da Zona Privada na súa zona de subida de traballos ou achegar un arquivo en formato .mp3, .mp4, .wav, .aac ou .3gp.

    Para a realización do cartel, os alumnos poderán seleccionar recortes de revistas e xornais, utilizar imaxes da Internet, facer fotos eles mesmos ou realizar unha mestura das opcións anteriores. Ademais, poderán contar con todas as técnicas ás que poidan acceder, desde as máis tradicionais, como a ilustración ou a colaxe, a calquera programa informático de tratamento de imaxes de que dispoñan.

    No caso de que o traballo non sexa dixital, terá que ser fotografado ou escaneado e subido á web como como se indicou anteriormente.

    IMPORTANTE: Consulta o punto 10.- Lexislación.

  • Categorías C e D (ESO, FP e Bacharelato):

    PEZA AUDIOVISUAL (vídeo) que reivindique a INCLUSIÓN dentro da súa contorna, nun dos 4 ámbitos: lecer, educación, emprego e accesibilidade universal.

    A duración máxima da peza audiovisual será de 60 segundos. Será enviada en liña a través da Zona Privada do profesor en formato .avi/.mp4/.mov cun peso máximo de 100 MB.

    O audiovisual irá acompañado dun título, que non superará os 140 caracteres, e do guión do mesmo, para facilitar a accesibilidade.

    IMPORTANTE: Consultar o punto 10.- Lexislación.

Nota: TRABALLOS ORIXINAIS

A ONCE poderá solicitar o envío do material orixinal de calquera traballo presentado, non tendo obrigación de devolvelo, para unha mellor valoración (en calquera fase e categoría).

  • Categoría F (ANPA):

    PROXECTO para promover a inclusión no centro escolar que inclúa a todo o alumnado, nun dos 4 ámbitos: lecer, educación, emprego e accesibilidade universal. Para iso deberán encher unha ficha-guión que servirá de resumo da proposta para implementar no centro. A ONCE resérvase o dereito de solicitar máis información sobre o proxecto presentado.

    As propostas presentadas deberán contar co visto e prace ou aceptación da dirección do centro onde se implementará o proxecto como proba de viabilidade do mesmo. Os proxectos presentados poden ser implantados ou desenvolvidos total ou parcialmente nos centros escolares dentro dos cursos académicos 2020/2021 ou 2021/2022, ou ben desenvolverse no próximo curso 2022/2023, pero deben ser sempre proxectos orixinais.

Para todas as categorías, os traballos poderán presentarse en castelán, catalán, éuscaro, galego e inglés. Para facilitar o labor do xurado estatal, os traballos que cheguen á fase nacional que fosen realizados en catalán, éuscaro, galego ou inglés, terán que ser traducidos ao castelán. No caso de que o grupo participante non presente a tradución, esta haberá de levarse a cabo pola correspondente Delegación Territorial da ONCE.

5ª.- Criterios de valoración

CREATIVIDADE

O xurado terá en conta a orixinalidade do traballo.

CALIDADE

Alén diso, terase en conta o coidado e a presentación dos traballos e técnicas empregadas, e a súa posible adaptación ao obxecto do concurso.

MENSAXE

A adecuación do traballo para transmitir os valores da temática desta edición.

ACCESIBILIDADE

Considerando a accesibilidade como un factor imprescindible para a inclusión social e como un exemplo de solidariedade tamén no ámbito educativo, valorarase de maneira específica o esforzo realizado para que os traballos presentados sexan accesibles para as persoas con discapacidade.

ACTUAR SUMANDO

O xurado valorará aqueles proxectos que transcendan os límites da aula e procuren involucrar a outras persoas da súa contorna (compañeiros doutras aulas, veciños, familias, administración...).

6ª.- Participación

Para participar, os directores ou profesores dos centros educativos e os presidentes das ANPA terán que rexistrarse a través de:

  • a web do concurso www.concursoescolaronce.es
  • o teléfono gratuíto 900 808 111

O docente que coordine os grupos participantes responsabilizarase de encher correctamente todos os datos solicitados (do centro e do profesor) no formulario de rexistro, así como da posterior subida á web do traballo da súa clase.

No caso das ANPA, será o seu representante quen realice a inscrición e a subida do traballo correspondente.

O período de participación comeza o 13 de setembro de 2021 e finaliza o 4 de febreiro de 2022. No caso da categoría F, o período finaliza o 31 de marzo de 2022. A organización do Concurso resérvase o dereito de ampliar o prazo de participación se o considerar necesario. En calquera caso, en prol de aumentar a participación, e segundo o seu propio criterio, cada xurado poderá admitir traballos ata dous días antes da data do fallo.

7ª.- Fases da valoración do Concurso e Xurados

  • Fase de ámbito provincial

    Participan nela todos os traballos, das categorías A, B e C, presentados polos centros escolares de cada provincia, pasando os gañadores á seguinte fase.

    No caso de que en algunha provincia haxa máis de 100 traballos por categoría para ser valorados por parte do xurado, a coordinación provincial poderá solicitar unha Mesa Técnica, formada por profesionais do ámbito da docencia e especializados en inclusión, para realizar unha valoración previa de todos os traballos.

    Os xurados provinciais reuniranse antes do 31 de marzo de 2022.

    Constituirase un xurado de ámbito provincial en aquelas Delegacións Territoriais, Direccións de Zona, Direccións de Apoio e Axencias da ONCE radicadas en cada unha das capitais de provincia.

    Recoméndase que os xurados provinciais estean compostos, polo menos, por seis membros: tres representantes da ONCE (un da área da representación, un da área da xestión e un profesional especializado dos Equipos Específicos de Atención Educativa dese ámbito territorial, preferentemente un profesional do Grupo ACCEDO) e na medida do posible, outras tres persoas que poden pertencer aos ámbitos da comunicación, a educación, a administración pública, ao sector terciario ou a calquera outra entidade que sexa de interese.

  • Fase de ámbito autonómico

    En cada Comunidade Autónoma seleccionarase un traballo por cada categoría (A, B e C), de entre os gañadores da fase anterior. Estes traballos pasarán a competir á fase estatal.

    Constituirase un xurado de ámbito autonómico en cada unha das Delegacións Territoriais.

    As Comunidades Autónomas uniprovinciais e as Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla comezarán a concursar nesta fase. A coordinación destes centros tamén poderá solicitar unha Mesa Técnica no caso de que haxa máis de 100 traballos por categoría para ser valorados por parte do xurado.

    Os xurados autonómicos reuniranse antes do 29 de abril de 2022.

    As Delegacións Territoriais da ONCE, segundo as súas propias necesidades, poderán decidir se convocan o xurado da fase provincial na mesma data e cos mesmos membros que para a fase autonómica.

    Incorporarase á composición dos xurados provinciais, chegada esta fase, un representante da Consellería de Educación da Comunidade Autónoma correspondente, ao máis alto nivel posible.

  • Fase de ámbito estatal

    Premiarase un traballo por cada categoría (A, B, C, D, E e F). Os traballos das categorías D, E e F participarán unicamente na fase final do concurso e serán avaliados por un xurado de ámbito estatal.

    Os traballos da categoría D valoraranse previamente por unha Mesa Técnica que estará constituída por profesionais do ámbito da docencia e especialistas en inclusión. Esta Mesa seleccionará un máximo de vinte traballos que pasarán a competir á fase estatal, cuxo xurado elixirá cinco finalistas desa listaxe previa, entre os cales escollerá ao que será o gañador estatal.

    Os traballos da categoría E (Educación Especial) serán valorados por un equipo técnico do Ministerio de Educación e Formación Profesional, que realizará unha selección de cinco traballos finalistas, entre os que elixirá o gañador estatal.

    Os traballos da categoría F valoraranse previamente por unha Mesa Técnica, a cal seleccionará un máximo de dez traballos que serán valorados polo xurado estatal para elixir o proxecto gañador.

    O xurado estatal reunirase antes do 20 de maio de 2022.

    O xurado de ámbito estatal compoñerase, ademais dos representantes citados na fase autonómica, dunha persoa relacionada co mundo da educación especial, algún representante da CONCAPA (Confederación Católica Nacional de Pais de Familia e pais de Alumnos) e/ou da CEAPA (Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais do Alumnado) e doutras personalidades relevantes relacionadas coa temática do concurso.

En cada un dos xurados, o membro representante da ONCE actuará como presidente/a e ostentará o voto de calidade para dirimir, no seu caso, o empate na votación do xurado.

En ningún caso os xurados poderán adxudicar a dous ou máis traballos o mesmo posto na clasificación.

Non se poderá deixar deserto ningún premio en ningunha categoría, en ningunha das fases, sempre que haxa polo menos dous traballos presentados que cumpran os requisitos do presente concurso. En caso de descualificación dun traballo polo non cumprimento dos requisitos, deberase xustificar por parte do xurado reflectíndose na acta do fallo.

As decisións e interpretacións dos xurados serán inapelables.

Unha vez seleccionados os traballos gañadores, serán publicados na web do concurso nos 4 días laborables seguintes ao fallo dos xurados.

8ª.- Premios

Tanto ao alumnado como ao profesorado participante enviaráselles un lapiseiro con mina multicolor (vermello, azul, verde e amarelo).

Os estudantes e persoal docente gañadores na fase de ámbito provincial recibirán unha mochila gravada con motivos do concurso.

Os grupos gañadores na fase autonómica e os grupos dos traballos seleccionados como finalistas das categorías D e E (cinco e cinco respectivamente) serán premiados cunha experiencia escape room para desfrutar na aula.

As clases gañadoras na fase de ámbito estatal recibirán unha tablet para cada alumno e o profesor, premio valorado en 225 €/unidade, (IVE/IVE incluído) máis un diploma acreditativo do premio.

No caso da categoría F, o proxecto que sexa mellor valorado polo xurado recibirá 3000 € para poder levalo a cabo no seu centro escolar. O ingreso do devandito premio realizarase á conta corrente cuxa titularidade corresponda á ANPA e previamente requirirase o certificado de titularidade da mesma.

9ª.- Materiais de apoio

Presentamos unha proposta didáctica que, cunha metodoloxía propia, convida os estudantes a analizar, reflexionar, debater e traballar en equipo para realizar o traballo baseado na INCLUSIÓN da súa contorna, nun destes 4 ámbitos: lecer, educación, accesibilidade universal ou emprego.

A comezos do curso 2021/2022 farase chegar aos centros escolares, por correo postal, un envío composto por un cartel A2 con toda a información do concurso máis 4 flyers, para a súa difusión entre os coordinadores dos distintos niveis educativos e as ANPA.

Os profesores e ANPA terán dispoñible en liña unha completa guía de apoio e material didáctico, elaborado por expertos na materia, ademais doutros recursos para facilitar a participación e comprensión da temática desta edición.

Toda a información poderase consultar na web www.concursoescolaronce.es a partir do día 13 de setembro de 2021. Ademais, poderase acceder ao material na web e descargar e/ou imprimilo directamente, a partir de outubro de 2021. O material estará dispoñible en castelán, catalán, galego, éuscaro e inglés, todos eles en versión accesible.

10ª.- Lexislación

ACEPTACIÓN BASES LEGAIS

A participación no Concurso Grupo Social ONCE supón a aceptación dos termos da convocatoria, reflectidos nestas bases legais e no extracto do concurso que se atopan na web do mesmo: www.concursoescolaronce.es.

FISCALIDADE

Os premios estarán suxeitos a retención ou ingreso a conta de acordo coa normativa fiscal vixente no momento do pago.

DEREITOS IMAXE/VOZ

O profesorado participante debe asegurarse de que dispón dos documentos de cesión de dereitos de imaxe/voz do alumnado que poida aparecer nos traballos (tamén na audio-descrición), coa extensión que resulte necesaria segundo os termos desta convocatoria, debidamente asinados polos alumnos ou os seus representantes legais se son menores de idade.

Na páxina web do concurso poñerase ao dispor dos participantes un documento de cesión de dereitos de imaxe/voz que deberá ser achegado necesariamente ao subir o traballo á plataforma.

DEREITOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL

Unha vez realizada a valoración do traballo polo xurado correspondente (que sempre se realizará sobre o orixinal presentado), a ONCE resérvase o dereito de procesar, adaptar e corrixir os traballos presentados a concurso, no sentido máis amplo que se poida entender.

A participación nesta convocatoria implica que o profesorado e os alumnos participantes nos traballos gañadores na fase de ámbito autonómico (categorías A, B e C) e finalistas (categorías D e E) ceden á ONCE en exclusiva durante un prazo de 50 anos, sen límite territorial, material nin xeográfico, e con posibilidade de cesión a terceiros (a totalidade ou unha parte dos dereitos patrimoniais obxecto da cesión), todos os dereitos de reprodución, edición en soporte papel e electrónico, fixación, compilación, comunicación pública, transformación, distribución por calquera medio ou formato (incluído Internet e redes sociais) e, en xeral, explotación sobre os traballos elaborados.

Na páxina web do concurso poñerase ao dispor dos participantes un documento de cesión de dereitos de propiedade intelectual que deberá ser achegado necesariamente ao subir o traballo á plataforma.

DEREITOS DE TERCEIROS

Se se utilizase calquera contido (música, imaxe, slogan, etc.) propiedade de terceiros, os profesores participantes deberán asegurarse de que están libres de dereitos ou que dispoñen dos correspondentes dereitos de imaxe/voz ou de propiedade intelectual coa extensión que resulte necesaria segundo os termos desta convocatoria.

Para a presentación dos traballos a través da web, solicitarase unha confirmación de contar con toda a documentación referente aos dereitos, que haberá de ser achegada pola persoa que suba o traballo. Posteriormente realizarase unha revisión deste aspecto e solicitarase aquela documentación que non fose facilitada.

No caso de que finalmente resultase premiado un traballo para o que non estea suficientemente xustificado que está libre de dereitos de terceiros, ou non se presentaron as correspondentes cesións de dereitos imaxe/voz e de propiedade intelectual, a ONCE poderá modificalo para a súa publicación, ou ben optar pola non publicación do mesmo, sen prexuízo de percibir o premio outorgado na súa fase e categoría.

O Grupo Social ONCE non será responsable dos dereitos de imaxe/voz dos participantes nin de ningunha reclamación relacionada cos dereitos de imaxe/voz ou propiedade intelectual dos participantes ou de terceiros.

PROTECCIÓN DE DATOS

Os datos persoais que sexa necesario solicitar para a participación no concurso serán tratados conforme ás normas establecidas no Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta o tratamento de datos persoais e a libre circulación destes datos (Regulamento Xeral de Protección de Datos) e na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD). A recollida dos datos só se realizará co consentimento do seu titular para que os devanditos datos poidan ser incorporados a ficheiros titularidade da ONCE e tratados exclusivamente para a finalidade que se especifique na lenda adxunta ao formulario de recollida dos datos que estará publicado na web do concurso. Os datos obtidos a través dos formularios correspondentes serán os mínimos imprescindibles para facer posible a participación no concurso.